Thursday 25 de April de 2024

A Deputación asesora e coordina a creación da asociación do Camiño Fisterra-Muxía


Representantes dos 10 concellos que conforman a ruta Xacobea, xunto cos deputados provinciais Antonio Leira e José Manuel Pequeño, falaron das vías de subvención da entidade e do seu sistema de xestión

A Deputación da Coruña está asesorando e coordinando a creación da asociación do Camiño a Fisterra e Muxía, partindo da experiencia do Camiño Inglés. O ente provincial prestará a súa axuda e apoio aos 10 concellos por onde pasa a ruta Xacobea, e que formarán parte desta entidade. O deputado de Facenda, Antonio Leira, e o deputado de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, participaron no encontro neste municipio, onde se presentaron posibles vías de subvención da Deputación e a proposta de estatutos do organismo.

O promotor da asociación, José Manuel Pequeño, argumentou que o proxecto ten que contar coa participación de todos e cada un dos concellos, que deben xestionar e coidar o seu territorio, concibindo a asociación coma un gran museo que “debemos coidar entre todos”. O obxectivo principal é a consolidación deste camiño.

No encontro presentouse unha proposta estatutaria, onde se recolleu o concepto “membro amigo”, que permitiría a entrada de entidades públicas e privadas á marxe dos concellos, que terían voz pero non voto nos órganos de xestión. Tamén se perfilou a existencia dunha presidencia e directiva de dous anos, así como o financiamento, que partiría de fondos propios e subvencións recibidas. No ámbito económico, tratáronse as cotas de pago dos municipios, e como adaptalas ás necesidades de cada un.

Na reunión participaron os alcaldes de Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía e os concelleiros de Santiago e Ames, así como o rexedor de Oroso, en representación da asociación do Camiño Inglés.

A asociación funcionará cunha xerencia técnica que deseñará as diversas accións para que os directivos e directivas, representantes dos concellos, tomen as decisións.